Hi5: a rede social que triunfa en Portugal e Latinoamérica

martes, 24 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Algúns supostos éxitos na Internet coma Second Life, MySpace ou Facebook parecen funcionar só nos EE.UU., de xeito que o resto do mundo atopa outras plataformas nas que expresarse, e un claro exemplo e Hi5, unha web para a creación de redes sociais ó máis puro estilo de Facebook pero que estaría a superar ó servizo norteamericano servindo uns 200 millóns de páxinas ó día e situándose no número 11 do ranking mundial elaborado por Alexa (mentres que a web de Mark Zuckerberg está no 13).
Hi5 é un servizo tamén creado dende San Francisco (berce da meirande parte das iniciativas da Web 2.0) e vén de acadar 20 millóns de euros para o seu financiamento (por parte de Mohr Davidow Ventures), o que lles permitirá continuar evolucionando neste sistema que está a gañar moita popularidade en Latinoamérica, Mongolia, Túnez, Romanía e a nosa veciña Portugal (país do que proveñen o 7,7% das visitas).
A compañía nacera como unha web de busca de parella para emigrantes da India, pero converteuse nunha rede social de grande éxito, pese a permanecer case no anonimato para os grandes medios norteamericanos, polo que podería ser un dos exemplos de inspiración para outras iniciativas que aínda non gañan a atención mediática que merecen.

PUBLICIDADE