Guile chegará este mes a Street Fighter V

luns, 18 de abril do 2016 Marcus Fernández

Guile leva na saga dende Street Fighter II

Capcom está a dar detalles da nova actualización que chegará ao seu xogo Street Fighter V, e como grande sorpresa inclúese un novo loitador que parece imposible pensar que estivese ausente, Guile, xa que estamos ante un dos personaxes que levan na saga de xogos de loita dende Street Fighter II. Amais, o célebre oficial das Forzas Aéreas chegará acompañado polo seu icónico escenario (unha base das Forzas Aéreas na que podemos ver un F-16 de fondo).
Guile é un personaxe importante en case todos os xogos de Street Fighter, participando tamén nos numerosos crossover con outras sagas de xogos de loita, e chegará de balde a todos os xogadores a finais de mes até que se lance a tenda Zenny. O seu traxe de batalla e escenario estarán dispoñible para os usuarios que teñen o pase de tempada.
Aparte de anunciar a chegada de Guile, dende Capcom tamén dan conta de que a vindeira actualización de Street Fighter V tamén incorporará un sistema para castigar aos xogadores que se desconecten frecuentemente durante as partidas, chegando incluso a bloquealos temporalmente notificándoos cunha mensaxe dentro do xogo, para evitar así os abusos de xogadores que se desconectaban da Internet a poucos segundos de verse derrotados en combate, buscando así non perder posicións nos rankings globais.
Tamén van incorporarse melloras ao xogo para que sexa máis doado conectase aos salóns de batalla, así como se suavizarán as restricións para atopar opoñente, buscando así solucionar os problemas rexistrados por numerosos xogadores europeos, que tiñan problemas á hora de atopar contrincantes en liña.

O clásico escenario de Guile tamén chegará a Street Fighter V

PUBLICIDADE