Gradiant achegou as novas tecnoloxías a toda a cidadanía

xoves, 25 de novembro do 2010 Raquel Noya

Tal e como apuntamos recentemente neste mesmo medio, aínda é moita a xente que, por medo ou por descoñecemento, non usa convenientemente os dispositivos electrónicos que ten nas súas casas, perdendo así a oportunidade de aproveitar unha tecnoloxía que ten ao seu alcance (como a telefonía móbil, a TDT, a Rede, un GPS...) e que lle sería de moita axuda en determinadas circunstancias.
Investigadores do centro tecnolóxico Gradiant, sabedores disto, viron a ben levar a cabo unha xornadas nas que formar a esta parte da poboación no uso da tecnoloxía que ten ao seu alcance, e nas que darlles consellos sobre as súas vindeiras compras tecnolóxicas.
Así, do 22 ao 24 de novembro, tiveron lugar, nas catro provincias galegas, unha serie de charlas e obradoiros nas que as persoas asistentes recibiron formación tecnolóxica da man de investigadores de Gradiant, un investigador da Universidade de Vigo e un membro do Equipo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, que trataron de aportar información clara e práctica sobre a electrónica de consumo que temos máis á man; información que, por outra banda, non sempre resulta doado atopar.
As persoas asistentes recibiron un pequeno manual con prácticos consellos para o uso da tecnoloxía ao seu alcance e tamén con algunhas recomendacións sobre compras tecnolóxicas, como por exemplo, un televisor ou un DVD. Por estas charlas pasaron persoas de diferentes perfís e idades, que amosaron cadansúas inquedanzas e dúbidas. Nalgúns casos, o tema que máis interese xerou foi, paradoxicamente, o software libre e o sistema operativo Linux, noutros casos a súa privacidade e a seguridade dos seus datos na Rede e noutros a dos seus pequenos.
Segundo informan dende Gradiant, “houbo tempo para todo”, “incluso – aseguran-, para charlar sobre as consecuencias sociais e os dilemas morais que pode levar consigo a implantación dalgunha tecnoloxía en concreto”. Os momentos de cambio de relator e as pausas para café foron aproveitadas para continuar preguntando aos investigadores e expertos, que respostaron a tódalas preguntas con toda a claridade e sinxeleza técnica que requería a ocasión.
Na imaxe, Enrique Sánchez, Investigador do Grupo Especializado en Información Multimodal de Gradiant e Gonzalo Sotelo, da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Unidade Orgánica de Policía Xudicial; Equipo de Delitos Telemáticos.

PUBLICIDADE