As TIC chegan á cidadanía da man de Gradiant

martes, 23 de novembro do 2010 Raquel Noya

Malia que hoxe en día practicamente toda a poboación ten acceso ás novas tecnoloxías, ben sexa a través da TDT, de Internet, da telefonía móbil ou mesmo dunha simple axenda electrónica, segue habendo unha parte importante da cidadanía que “non se atreve” segundo afirman dende Gradiant, “a achegarse á tecnoloxía”.
É un sector da poboación ao que, aseguran, “lle parece complicado ou ten medo de estropear algún dispositivo por usalo mal”.
Estas carencias nótanse especialmente á hora de facer algún tipo de compra “tecnolóxica”: un televisor, un ordenador, un reprodutor de música, un GPS… polo que, dende este Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións, queren aportar información doada, útil e práctica para que estes sectores da poboación perdan o medo e aprendan unha serie de consellos básicos para sacarlle o maior partido posible aos dispositivos electrónicos que todos temos nas nosas casas.
As charlas informativas serán de balde, e terán lugar en Santiago de Compostela esta mesma tarde no Centro On de Caixa Galicia; mañá, 23 de novembro, na Coruña, tamén no Centro On; e o 24 de novembro en Vigo, na Fundación Caixa Galicia.
Nelas, un equipo de investigadores de Gradiant, un investigador da Universidade de Vigo e un membro do Equipo de Delitos Telemáticos da Garda Civil tratarán de aportar información clara e práctica sobre o uso de aparellos de electrónica de consumo.
As persoas asistentes, que poderán acudir de balde, recibirán un pequeño manual con parte dos contidos dos relatorios para telo á man e usalo cando sexa preciso.
Tódolos interesados poden solicitar máis información contactando con Gradiant por teléfono (986 81 86 37) ou a través de correo electrónico, na dirección: actividades@gradiant.org.

PUBLICIDADE