Gates prognostica a fin do rato

luns, 13 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

No manexo cotiá da información por parte dos internautas a tendencia é a seguinte: que cada vez menos sexan menos necesarias as nosas mans. Este detalle, que pode ser bo para algúns (por exemplo as persoas con discapacidades físicas) e negativo para outros (os oficinistas ós que se lles libera dun dos poucos exercicios que desenvolven ó longo da xornada: mover o rato), é un dos alicerces do paquete de prognósticos emitido estes días por Bill Gates nunha entrevista en The Observer, onde o fundador de Microsoft sinalou que as grandes transformacións que nos deparan as novas tecnoloxías terán máis que ver coa propia estrutura física dos equipos e co hardware en xeral que cos entornos web.
A xuízo de Gates, a revolución (democrática e participativa) da Internet coñecida como Web 2.0 que tanto entusiasmo está a espertar nalgúns ambientes, non constitúe xa unha revolución. O que de verdade vai dar que falar nun futuro inminente, sostén, é (entre outras cousas) a posibilidade de facer coa voz e os movementos o que agora temos que facer con teclados e ratos.
Isto está estreitamente relacionado coa tendencia da tecnoloxía actual a desfacerse de todo o que sexa accesorio, tendencia que a xuízo de Gates vaise acelerar na vindeira década. Por exemplo: haberá que despedirse das moreas de papel das oficinas distribuídas en arquivos e demais (co que se poderían aforrar unha cantidade importante de recursos forestais), en beneficio dunha información accesible, dixital e actualizada.
O ritmo de novidades tecnolóxicas será tan intenso nos seguintes anos que iremos practicamente de sorpresa en sorpresa. Un exemplo: Microsoft xa está a desenvolver espello que poden lembrar e amosar á xente que se mirou previamente neles.

PUBLICIDADE