Gaña popularidade un modo de xogo non oficial de Fortnite

venres, 8 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O rol dos usuarios nos xogos en liña ten cada vez unha maior importancia, de xeito que non son poucas as ocasións nas que é o público na que dá forma ao produto final, para ben ou para mal, e no caso de Fortnite estamos a ver moitas sorpresas, xa que pouco a pouco xorden xeitos de xogar que se afastan dos modos oficial, chegando a solicitarse a Epic Games que os integre oficialmente. Este é o caso dun tipo de partida que están a procurar facer algúns usuarios que consiste en protexer ao presidente, ou sexa, que un grupo de usuarios decide que un deles estea o máis indefenso posible, para que o resto do equipo teña que protexelo coma se fosen os seus gardacostas, de xeito que se o presidente morre, perden a partida.
É habitual que os xogadores que pretenden ser do servizo secreto empregue a aparencia de John Wick, podendo empregar calquera recurso ao seu alcance, mentres que o presidente normalmente só pode defenderse ou empregar elementos como escudos.
Ao estarmos ante un modo de xogo non oficial, existen xa diferentes variantes, e o feito de que o youtubeiro Ninja xa publicase un vídeo amosando este modo de xogar (vídeo que supera os 4,4 millóns de reproducións) está a confirmar que estamos ante unha mecánica que cumpre as principais premisas de Fortnite, ou sexa, que as partidas son divertidas tanto de xogar coma de ver.

Vídeo no que podemos ver unha partida de protexer ao presidente en Fortnite

PUBLICIDADE