Game Pass incorpora novos xogos no mes de maio

martes, 4 de maio do 2021 Marcus Fernández

A colección de xogos dispoñibles para os subscritores do Xbox Game Pass recibirá interesantes novidades no mes de maio, entre as que destaca moi especialmente Red Dead Online, xogo que chegará o día 13, e que poderá xogarse tanto en Xbox como a través da nube, e que deixaría claro que o Game Pass tamén pode xogar un rol importante nos títulos multixogador.
Outros xogos que chegarían en maio serían Dragon Quest Builders 2 (para consola e PC), FIFA 21 (que a través de EA Play chega a consola e PC), Outlast 2 (para consola, nube e PC), Steep (para consola e nube), Final Fantasy X/X-2 HD Remaster (para consola e PC), Just Cause 4: Reloaded (para consola, nube e PC), Psychonauts (para consola, nube e PC) e Remnant: From the Ashes (para PC).
Adicionalmente tamén anunciaron que a prestacións das consolas de nova xeración coñecida como FPS Boost, que incrementa a velocidade de fotogramas dos xogos sen que estes teñan que ser adaptados polos seus desenvolvedores, chega a máis de 70 xogos máis, de xeito que títulos como Battlefield V, DiRT 4, Mad Max, Metro 2033 Redux, Halo: Spartan Assault, Titanfall 2 ou Star Wars Battlefront II poden correr a 120 imaxes por segundo en novas consolas, mentres que outros xogos que inicialmente funcionaban a 30 fotogramas por segundo pasan a funcionar a 60, de xeito que aproveitan o feito de correr en máquinas máis potentes para ofrecer un mellor rendemento, o que fai máis doce o salto a Xbox Series X|S. Aparte do FPS Boost, moitos dos xogos tamén tirarán proveito do Auto HDR, ou sexa, que se temos un televisor compatible poderemos gozar da súa imaxe cun amplo rango dinámico aínda que o xogo non se deseñase con esta funcionalidade.

PUBLICIDADE