Falece o creador das portadas máis representativas dos xogos de Ocean

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán moitos seareiros dos videoxogos españois de finais dos anos 80 choraron o pasamento de Alfonso Azpiri, ilustrador de moitos dos grandes xogos da Idade de Ouro do Software Español como Army Moves, West Bank ou Abu Simbel Profanation, e agora outro falecemento deixará en moitos a mesma sensación, xa que unha figura menos recoñecible para o público español, pero cunha obra moito máis representativa e global, dixo adeus: Bob Wakelin.
Aínda que o nome deste artista británico non resulte moi familiar, a súa obra era extraordinariamente coñecida, xa que ilustrou as portadas de xogos para ordenadores persoais como New Zealand Story, Batman: The Caped Crusader, Rainbow Island, Mikie, Green Beret, Operation Wolf, Wizball, Hyper Sports, Head Over Heels, Cabal, Athena, Renegade, Chase HQ, Daley Thompson’s Decathlon... e incluso Gryzor, título polo que se coñecía en Europa ao internacional Contra, unha das franquías de máis sona, que con esta primeira entrega causara certa polémica xa que a ilustración de Wakelin copia o estilo de filmes como Aliens e Predator, resultando innegable a inspiración na pose de Arnold Schwarzenegger na portada de Predator.
A meirande parte da produción relacionada cos videoxogos de Bob Wakelin foi da man de Ocean (de feito, algúns atribúenlle o deseño do logotipo da compañía) e Imagine (marca secundaria da anterior), selos para os que traballou 11 anos, aínda que tamén realizara traballos para a editorial Marvel ou a revista Heavy Metal.
O pasamento de Wakelin tivo lugar o pasado sábado tras unha longa loita contra a leucemia.

Algunhas das portadas máis representativas de Bob Wakelin

PUBLICIDADE