Este mércores estréase como xogo descargable de balde The Legend of Zelda: Four Swords Anniversary Edition

martes, 27 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Para celebrar por todo o alto o 25º aniversario da saga de The Legend of Zelda, aparte de lanzar un remake de Occarina of Time para Nintendo 3DS e Skyward Sword para Wii, tamén poderemos gozar de The Legend of Zelda: Four Swords Anniversary Edition, a versión Nintendo DSiWare do primeiro título multi-xogador de Zelda, que aparecera en 2003 como parte do remake para Game Boy Advance de A Link to the Past, e que permite empuñar a Espada Cuádruple dividindo a Link en 4 versións de si mesmo, conseguindo así salvar á princesa Zelda do malvado feiticeiro Vaati.
No modo para un xogador pode controlarse a 2 encarnacións de Link, decidindo cal está activo co botón L ou R da consola portátil de Nintendo, para que xuntos resolvan quebracabezas e eviten trampas; mentres que no modo multi-xogador varios amigos poderán colaborar dende cadansúa consola (Nintendo 3DS/DSi XL/DSi).
Pero o mellor de todo deste xogo descargable é que será de balde dende o 28 de setembro de 2011 ata o 20 de febreiro de 2012 a través da Tenda Nintendo DSi ou da eShop para Nintendo 3DS.

PUBLICIDADE