Este ano a feira E3 será virtual

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

A Entertainment Software Association (ESA) anunciou hoxe de xeito oficial que a feira de videoxogos E3 2021 celebrarase entre os días 12 e 15 de xuño de xeito completamente virtual, para o que xa chegaron a compromisos con compañías como Nintendo, Xbox, Capcom, Konami, Ubisoft, Take-Two Interactive, Warner Bros. Games e Koch Media, ás que sumaranse máis, deixando claro o compromiso da industria con este evento anual que serve de escaparate do sector dos videoxogos.
Dende a ESA tamén queren deixar claro que 2021 será un ano excepcional, que pretende volver ao seu formato presencial na edición de 2022, xuntando a editores, desenvolvedores e medios especializados para facilitar as súas relacións.
Resulta curioso o feito de que Sony, que estivo ausente nas edicións de 2019 e 2020 da feira E3 vaia volver facer o mesmo este ano, xa que agora que ten unha nova consola nas tendas tería moitos contidos que difundir durante o evento, o que leva a entender que a compañía nipoa prefire organizar as súas presentacións de seu en vez de ter que competir pola atención en eventos multitudinarios.

PUBLICIDADE