Dúbidas sobre o éxito da PS3 no mercado europeo

luns, 26 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Coa Play Station 3 pasa como con case tódalas novidades de mercado que se fan agardar de máis, sexan tecnolóxicas ou non. É dicir: tanto esticou o fío Sony, a casa fabricante, que para moitos usuarios rematou por crebar, e a vontade de crítica prima sobre todo o demais. A iso hai que engadir un prezo de saída en España de 600 euros que para moitos seareiros (ou non) xa é motivo abondo para descartala, por moito que inclúa tecnoloxía Blu-ray (DVD de alta definición). En España aínda non hai cifras que nos axuden a enxergar se podemos falar de éxito ou non, pero nos foros de Internet non se está atopar tanto entusiasmo como Sony agardaba. E máis se temos en conta que as consolas da competencia, Wii (249 euros) e Xbox 360 (399 euros) son máis baratas. Deste xeito, o atranco para a PS3 non é o que se entende por un atranco doado de quitar do medio. Porque, que se saiba, non existe manual algún no que se explique polo miúdo como convencer a un usuario de videoxogos que xa ten a Wii nas súas mans para que a meta de novo na caixa e vaia ó establecemento máis próximo a mercar outro aparello o dobre de caro e que se fixo agardar de máis. Tarefa complicada, sen dúbida. Sexa como sexa, Sony ten grandes expectativas. Non en van, os días pasados comezaron a poñerse no mercado as 125.000 consolas preparadas até o de agora pola multinacional, sendo as súas previsións as de vender 700.000 nun ano. Nos países veciños, a cousa tampouco pinta ben. Segundo conta Jeux France nos días seguintes ó lanzamento de mercado (que se levou a cabo ó mesmo tempo ca en España), a reacción de seareiros e xornalistas non podería ser máis negativa. Isto vén a conto porque (como se pode ver nas imaxes e nos vídeos da web de Jeux France) as actividades preparadas para presentala non tiveron a repercusión agardada, con apenas dúas ducias de usuarios con reais intencións de gastar cartos nos actos organizados ó carón da torre Eiffel e a ribeira do Sena e levar o trebello. Por se isto non abondase, nas reunións preparadas máis tarde para os Campos Elíseos cos afeccionados, só acudiron cinco clientes, malia tódolos esforzos de Sony por ofrecer un acto de presentación deses nos que semella non falta de nada, nin sequera DJ.
Loita contra doenzas como o alzheimer ou o cancro
A Play Station 3 ten máis do que se pode ver a simple vista. Estase a falar moito dela logo de que se puxera á venda en España a semana pasada, e moi probablemente a casa fabricante (Sony) foi quen de prever que todo o que se ía dicir da consola non ía ser enteiramente positivo. É nesa liña (a liña onde se agrupan as cousas que non semellan ser moi criticables) na que atopamos unha das novas funcións da PS3: a de contribuír á loita contra o alzheimer. Isto vai ser posible grazas a unha icona integrada no menú XrossMediaBar da consola e que establece (sempre que os usuarios o consideren axeitado) unha conexión directa coa Universidade de Stanford e o proxecto Folding@home, no que participan equipos tecnolóxicos de todo o mundo, incluídos unha chea de particulares. Deste xeito, os usuarios da Play Station que a teñan conectada á Rede poden participar cos seus aparellos no estudo computacional de certas doenzas como o alzheimer, a esclerose lateral amiotrófica ou algúns tipos de cancro. Ó seu carón, terán preto de 400.000 computadores compartindo entre si todo tipo de tarefas nos intres que os seus usuarios non lle tiran proveito: é dicir traballando mentres están en descanso (ou sexa, que o programa non funcionaría mentres o usuarios está xogando e non ocupa máis de 20 megas). Porén, cómpre non pensar que a PS3, polo feito de ser unha videoconsola, vai achegar máis ben pouco á este tipo de rede Grid. Máis ben todo o contario, xa que o seu procesador Cell é un dos máis potentes dos que se pode atopar hoxe no mercado ó alcance dos usuarios de a pe e mesmo dos centros mundiais de investigación, que o usan para levar a cabo operacións de cálculo de gran envergadura.
Dito doutro xeito: dez mil PS3 xuntas, “ombro con ombro”, poderían achegar un considerable incremento das capacidades, concretamente multiplicalas por cinco. O programa Folding@home é semellante a iniciativas como SETi, que leva anos tirándolle proveito a ordenadores interconectados de todo o mundo en modo de descanso ou pausa co obxectivo de procurar vida estraterrestre. A idea destes proxectos é tan vella como o primeiro intre en que seres humanos de distinto grupo, raza ou rexión decidiron unir os seus esforzos co fin de procurar un obxectivo común, dificilmente acadable de maneira individual.

PUBLICIDADE