Distribúen por BitTorrent un lote con 101 xogos independentes de balde

mércores, 2 de abril do 2014 Marcus Fernández

A oferta de xogos independentes e de balde é realmente impresionante na actualidade, contando con moitos títulos aos que paga a pena botar un ollo, pero que teñen moitos problemas para conseguir a atención do público, e para darlles visibilidade un entusiasta deste tipo de xogos que responde ao alcume de Moshboy decidiu recompilar 101 destas creacións con permiso dos seus autores e distribuílas a través de BitTorrent baixo o título de The Pirate Bay Bundle.
En pouco máis de 1 Gb podemos ter unha impresionante selección de xogos de todo tipo, a meirande parte con aire retro, que demostran como con poucos recursos e sen alardes técnicos poden facerse xogos divertidos que incluso poderían terse convertido nun éxito de ter acadado visibilidade (como aconteceu con creacións como Flappy Bird).

Konkey Dong é un dos xogos incluídos no lote. Trátase dunha homenaxe a Donkey Kong na que adoptamos o papel do gorila.


Trailer do lote de xogos independentes distribuídos por BitTorrent

PUBLICIDADE