Disquecool conmemora este sábado cunha festa o seu primeiro ano de vida

xoves, 13 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O medio dixital Disquecool, que segue adiante co seu esforzo a prol de achegar variedade e vangarda no panorama informativo galego, está estes días de festa. E nunca mellor dito, porque este sábado os seus responsábeis levan ao plano real a celebración virtual na que levan mergullados dende que o seu medio cumpriu un ano de vida, cousa que ten máis importancia do que parece para: 1. Un medio dixital calquera, 2. Un medio en galego e 3. Un medio sobre moda e tendencias e non de fútbol ou lercheo. A cita será no Liceo Mutante de Pontevedra (Rúa Rosalía de Castro, nº 100), dende as 16.00 horas e a un prezo simbólico de dous euros.
Haberá, entre outras cousas, quedada de uqueleles para tocar O tren de Andrés Dobarro, unhas olimpíadas con probas moi relacionadas coa temática de Disquecool e co humor que desprega dende os seus comezos (inclúese nelas un lanzamento de gafas de pasta) ou unha acción laneira ou Urban Knitting, que inclúe revestir diversos elementos públicos de pezas de ganchillo ou de calceta.
Tamén haberá unha exposición de arte postal: escritura a través de Twitter e con 140 caracteres de límite.

PUBLICIDADE