O medio dixital galego Disquecool celebra un ano de vida

mércores, 2 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Disquecool, o medio dixital galego sobre tendencias e creatividade independente, vén de cumprir un ano de vida. Para celebralo e lembrarnos aos internautas que apostar pola información dixital e en galego é sempre unha boa aposta, as responsábeis deste medio fixeron reconto, na súa propia web, do que representa para cada unha delas esta andaina informativa. Do que se tratou foi de achegar, co gallo do primeiro aniversario, o punto de vista particular de cada quen sobre o máis emocionante e interesante que aconteceu ao longo destes doce meses. Doce meses que deron, entre outras cousas, para acadar 1.600 seareiros no Facebook e 1.200 no Twitter.
Para Ana, este ano de vida deu para moitos intres memorábeis, case sempre relacionados coa vertente musical (a entrevista a Bart Davenport, a de Emmy The Great, ou a de Xoel López por teléfono) e para Cris cómpre destacar o pracer de traballar no que lle gusta e máis o de descubrir cousas que doutro xeito (de non ficar ao abeiro de Disquecool), pasaríanlle desapercibidas. Lucía destaca a posibilidade “de descubrir a cantidade de proxectos creativos e innovadores que se desenvolven en Galicia”, e Raquel o privilexio de situárense nun punto dende onde se albisca a moita xente que non se coñecía facendo unha manchea de cousas interesantes (como as cousas que viu no Hay Festival en Segovia, por poñer un exemplo). Juan, pola súa parte, destaca a leda inminencia dos días previos ao lanzamento (contemplar o crecemento do proxecto, que é un acubillo de cousas futuras) e Andrés a liberdade creativa e o pracer de formar parte dun equipo como o de Disquecool.
Dende Código Cero dámoslles os parabéns por este ano de intensa actividade de desexámoslles moitos máis.

PUBLICIDADE