Digg quere que os usuarios voten a publicidade

xoves, 4 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Exemplo dun anuncio (Sims 3) votable en Digg

Os agregadores de novas xestionados polos seus usuarios dun xeito non xerárquico coma Digg, Menéame e Chuza gozan de grande éxito de público, pero resulta complicado traducir este tráfico web en ingresos económicos, polo que buscan xeitos imaxinativos de capitalizar as súas iniciativas para manter a súa viabilidade, resultando realmente interesante ver que a xente de Digg decidiu innovar coa creación dos Digg Ads, un tipo de publicidade que non parece de xeito tradicional (nos laterais da páxina web) senón que estaría integrada totalmente entre as novas que votan os usuarios e tamén estarían sometidas ao voto, de xeito que as preferidas polos usuarios serían máis baratas.
Esta interesante iniciativa lanzarase nos vindeiros meses, pois agora deberán axustar o sistema para soportar esta prestación, á vez que deberán negociar cos anunciantes a creación deste sistema, que nun principio podería parecer molesto para os usuarios (por confundir publicidade e contido) pero que en boa medida dará o control ao público, que penalizará a publicidade que non quere ver, o que podería restrinxir certo tipo de publicidade molesta que cada día é máis habitual na web (así como a que trate produtos e servizos irrelevantes para o seu público).

PUBLICIDADE