Deus Ex: The Fall estréase na App Store

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A serie de xogos de Deus Ex conseguiu volver a estar en primeira liña hai un par de anos coa súa entrega Human Revolution, mantendo moitas das ideas que fixeran que o título inicial da franquía recibise numerosos premios no seu día, e dende hoxe podemos trasladar a experiencia a dispositivos móbiles, pois Square Enix vén de estrear Deus Ex: The Fall, un novo título da saga que supón a súa primeira incursión en dispositivos móbiles e que foi desenvolvido en colaboración con N-Fusion e o equipo de Human Revolution (Eidos-Montreal).
Deus Ex: The Fall é un xogo de rol de acción guiado pola historia, ambientándose a continuación da novela Deus Ex: The Icarus Effect, no que hai que sobrevivir en medio dunha conspiración internacional, percorrer distintos escenarios que van dende os escondedoiros da mafia en Moscú ata os barrios baixos de Panamá, permitindo que o xogador decida se supera os distintos niveis facendo uso do sixilo ou dun enfrontamento máis directo.
O xogo mantén a ambientación característica dos xogos de consola doméstica, e mantén o seu nivel técnico moi alto, o que fai que sexa preciso para xogalo contar como mínimo cun iPad 3, un iPad mini, un iPhone 4S ou un iPod Touch (de 5ª xeración). Este extraordinario xogo para dispositivos móbiles está á venda como aplicación universal para iOS a un prezo de 5,99 euros.

En Deus Ex: The Fall podemos optar polo sixilo para superar os distintos niveis


Trailer de lanzamento da nova entrega da saga Deus Ex

PUBLICIDADE