Decapre completa o cadro de loitadores de Ultra Street Fighter IV

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Tras confirmarse que Ultra Street Fighter IV contaría con Poison, Hugo, Elena e Rolento como loitadores, quedaba un novo personaxe por anunciar na nova entrega desta popular franquía de Capcom, que finalmente deuse a coñecer, sendo toda unha sorpresa, xa que trátase de Decapre, unha das mozas que acompañaban a M. Bison en Street Fighter Alpha 3, e que non era un personaxe xogable.
Esta nova loitadora viste un cinguido traxe azul, leva unha máscara parcial para agochar unha grande queimadura no seu rostro e promete ser un personaxe de grande velocidade e cun estilo de xogo único, aínda que buscando a complicidade dos seareiros da saga ao presentarse como unha especie de versión malvada de Cammy.
Ultra Street Fighter IV estará dispoñible a partir de xuño como actualización das anteriores entregas da saga para PS3, Xbox 360 e PC (a un prezo de 14,99 euros) e a partir de agosto poderá mercarse como título independente (por 29,99 euros para PC e 39,99 euros para consola). Os usuarios que adquiran a versión completa do xogo recibirán todos os traxes da serie (valorados nuns 40 euros).

Decapre é o derradeiro personaxe en incorporarse ao completo cadro de loitadores de Ultra Street Fighter IV




Trailer de presentación de Decapre

PUBLICIDADE