Confirman o desenvolvemento de Metal Gear Solid 5

xoves, 21 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Kojima, segundo á esquerda, declarou estar a traballar en Metal Gear Solid 5

Hideo Kojima leva anos asegurando que cada entrega da saga Metal Gear Solid será a derradeira, pero continúan na mesma proxecto tras proxecto, e pese a que con Metal Gear Solid 4 a historia de Solid Snake chega á súa fin, veñen de adiantar que o vindeiro número de IG Magazine incluirá unha entrevista na que o desenvolvedor nipón confirma que está a traballar en Metal Gear Solid 5, sen detallar se o título está nun estado inicial ou se xa vai avanzado.
Kojima confirma que o xogo empregará o novo Fox Engine (motor gráfico do que están a amosar as bondades nos últimos meses), contará con máis infiltración e personaxes cos que interactuar (na liña de Deus Ex: Human Revolution) e incluso deixa a porta aberta a que Solid Snake estea presente nesta nova entrega da saga, aínda que hai moitos outros personaxes que poderían centrar a historia sen problema, ao igual que podería estar ambientada en distintos períodos históricos, como xa fixeron con Metal Gear Solid: Peace Walker (protagonizado por Naked Snake/Big Boss e ambientado nunha Centro América en 1974).

Big Boss podería ser o protagonista do novo xogo

PUBLICIDADE