As universidades galegas celebran a Rede cunha xornada de reflexión (este martes 15) sobre o fenómeno TIC

luns, 14 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, inaugurarán este martes, día 15, as xornadas Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia, organizadas conxuntamente polas tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación con motivo do Día de Internet en Galicia 2007. A apertura oficial será a partir das 9:45 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. O encontro terá dous bloques temáticos: estratexias TIC das universidades e desenvolvemento rexional da Sociedade do Coñecemento. O gran obxectivo deste foros é mover á participación de todos os galegos nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e das comunicacións achegan para a normalización da lingua galega, a difusión e enriquecemento da cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galicia.
Baixo o lema +Internet+Galego+Futuro esta edición do Día de Internet en Galicia quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en lingua galega na rede e que abranguerían un catálogo no que, en palabras da USC, “teñen cabida a creación artística, a presentación de políticas e servizos públicos, pasando por bases de datos, xestións en liña ou ferramentas telemáticas para a relación coa administración, as empresas ou as organizacións sociais”.
As xornadas
As distintas intervencións previstas no programa das xornadas impartiranas representantes das tres universidades galegas, da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), da administración autonómica galega e das de Asturias, Andalucía e o País Vasco. Logo da apertura, a partir das 10:00 horas comezará o programa académico co desenvolvemento do bloque temático dedicado a TIC e universidades. Estratexias’. A quenda de intervencións comezará coa participación do vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade de Vigo, Anxo Manuel Sánchez Bermúdez; do director do Servizo de Informática e Comunicacións da Universidade da Coruña, Jesús Salceda Sánchez; e do director da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC, Javier Franco Tubío. Xa a partir das 12:00 horas, presentarase o estudo ‘As TIC no Sistema Universitario Español’, nunha sesión na que participarán os coordinadores do documento, o director do Servizo de TIC da Universidade de Almería, Antonio Fernández Martínez; a profesora da USC, Sara Fernández López; e o secretario executivo do Grupo TIC da CRUE, Javier Franco. A xornada matinal rematará coa celebración dunha mesa redonda sobre os temas abordados que moderará o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario Galego, Rogelio Conde Pumpido.
O programa previsto para a tarde estará dedicado ao ‘Desenvolvemento rexional da Sociedade da Información’. O primeiro en intervir, a partir das 16:30 horas, será o director do Grupo de Investigación Socioterritorial GIST-USC e director da Fundación CEER, Carlos Ferrás Sexto, co relatorio ‘Iniciativas locais: proxecto SINDUR’. Deseguido, celebrarase unha redonda sobre as experiencias realizadas por diversas comunidades autónomas. Moderada pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela Martínez, nela intervirán o director xeral de Infraestruturas e Servizos Tecnolóxicos da Xunta de Andalucía, Juan Carlos Expósito; a directora xeral de Informática do Principado de Asturias, María América Álvarez González; Elena Gutiérrez Pérez del Notario, da Dirección de Innovación e Sociedade da Información do goberno vasco; e o asesor do conselleiro de Innovación e Industrial da Xunta de Galicia para a Sociedade da Información. O encontro clausurarase oficialmente nun acto a celebrar a partir das 19:30 horas.