As empresas galegas no salón MAC de Catalunya dan a coñecer os seus proxectos

mércores, 28 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A delegación de empresas galegas (seis) da que falamos onte nesta mesma web xa está en Granollers participando arreo nas actividades do Mercado Audiovisual de Catalunya, MAC 2008, unha feira que non só abre portas ao eido fílmico daquel país, senón tamén ao eido internacional, por constituír un espazo de encontro con profesionais (directores, produtores, distribuidores) de todo o mundo. O caso é que Antón Reixa, presidente do ente que representa a estas seis empresas, o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), foi un dos encargados en presentalas ante o resto de participantes no salón, e fíxoo afondando no que significa Galiza para a feira e no que representa esta para a nosa terra: “Asistir ao Mercado Audiovisual de Catalunya é unha oportunidade de presumir de país, amais de significar unha boa ocasión para convidar ao sector catalán a que pense en Galicia como un bo socio, un bo provedor e mesmo un bo cliente”, subliñou.
Na rolda de prensa de presentación (á que tamén asistiron Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación; Manuel José Fernández Iglesias, director de Comunicación Audiovisual; José Manuel Ortigueira, director de Promoción de XesGalicia e Julio Fernández, presidente de Honra do Clúster) fíxose fincapé na actividade das empresas asociadas ao Clúster que concorren na feira: Interacción, Voz Audiovisual, Filmanova, Correo Tv, Ficción Producciones e Fundación TIC.
Todas elas tiveron e terán ó longo dos dous días nos que se desenvolve o salón de Granollers a oportunidade de amosar os seus contidos e proxectos audiovisuais.
· Interacción presentou no MAC´08 unha iniciativa de comunidade en internet dirixido a un público de 14 a 35 anos, que se chama 0747. Trátase dun xogo baseado nunha serie de intriga, suspense e acción que consta de 20 capítulos dunha duración media de 3 minutos cada un deles. Asemade, Interacción tamén está a afondar nos detalles de Rumores, un simulador informal de grupos de amigos adolescentes encamiñado a un público feminino. Este produto de lecer posibilítalle á xogadora habilitar e incrementar o seu colectivo de amigos e amigas virtuais, “interactuando con eles a través de mensaxes de texto e multimedia, tendo a súa vez que superar unha serie de retos”, sinalaron os responsables da firma de Vigo.
· Jaume Santacana, director adxunto de Voz Audiovisual, presentou o proxecto que rodará proximamente a compañía, titulado 23 F 2.0.
· Filmanova levou ao salón diversos contidos multiplataforma para móbil, Internet e televisión entre os que cómpre salientar Vale Tudo e El Ascensor, uns formatos interactivos de anacos audiovisuais de natureza cómica.
· Correo TV, representada no Mercado polo seu director, Luis Pérez, comezou a emitir en TDT converténdose na primeira canle privada galega que da o salto á tecnoloxía dixital, adiantándose en máis dun ano ao apagamento analóxico previsto para a demarcación de Santiago.
· Ficción Producciones tamén falou dos seus proxectos, encadrados moitos deles dentro do eido do audiovisual de última xeración (integrando imaxe real e 3D). A este respecto, dicir que a empresa galega ten producido numerosas películas de ficción e animación, documentais, así como formatos para televisión e campañas publicitarias.
· A Fundación TIC- Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación- afondou nun dos grandes obxectivos da súa concorrencia no MAC: coñecer e incorporar ás súas estratexias de traballo as innovacións e retos tecnolóxicos que poidan atopar neste Mercado e que nos vindeiros anos provocarán a aparición de novos perfís profesionais que, en consecuencia, demandará novas cualificacións dos traballadores do sector audiovisual.