Aquí faltan páxinas adicou o seu novo podcast a Avelina Valladares

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra ven de celebrar o cuarto faladoiro do programa Aquí faltan páxinas, unha escolma de historias de mulleres relevantes e ligadas á provincia de Pontevedra que a institución provincial está a rescatar para o seu coñecemento por parte do gran público. Desta volta a escritora estradense Avelina Valladares foi a protagonista, da man da xornalista e investigadora Laura Filloy que tamén estivo acompañada da deputada de Igualdade, Sandra Bastos no Museo do Moble e a Madeira da Estrada, onde se celebrou onte, xoves 18 de abril, o dito relatorio.
Cómpre engadir que este faladoiro vai acompañado dun podcast que está dispoñíbel dende a tarde de onte no sitio web da Deputación e nas principais plataformas de audio.
Sandra Bastos sinalou que “Valladares foi pioneira da literatura, precursora en empregar o galego nos seus poemas, e destacou por ser unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa”, pero malia os seus grandes logros “pouco sabemos dela hoxe en día e, por ter, non temos nin unha soa imaxe”.
Deste xeito, a deputada sinalou que “era unha obriga para nós contar a historia de Avelina Valladares nesta segunda antoloxía de Aquí faltan páxinas, porque queremos contar historias apaixonantes, das que podemos sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado destas grandes mulleres e inspirarnos nelas”.

PUBLICIDADE