American McGee prepara un xogo inspirado no mundo de Oz
luns, 1 de xullo do 2013
A
reinterpretación dos contos de Alicia no País das Marabillas por parte de
American McGee foron todo un éxito no mundo dos videoxogos, que hai 3 anos
rexurdiron co título Alice: Madness
Returns, e agora o mesmo artista quere repetir a fórmula e dar a súa
particular perspectiva e estética ao Mago de Oz, cunha aventura inspirada no
mundo creado por L. Frank Baum, pero situada moito tempo despois dos libros
ambientados neste universo fantástico, no que a tataratataraneta de Dorothy, co
mesmo nome de pía, deberá enfrontarse ao Espantallo para salvar Oz.
Nesta orixinal historia o clásico Espantallo toleou e quixo erradicar a maxia
de Oz, traendo unha nova era na que “a
vida importa porque hai morte” e creando unha lexión de mortos viventes que
son a causa de que este xogo responda ao nome de OZombie. O reto de Dorothy non será só acabar co Espantallo, senón
tamén reverter o dano que fixo a Oz.
American McGee xa intentara facer un videoxogo inspirado en Oz, pero Atari
cancelouno, e agora, xunto co estudio Spicy Horse Games (responsables de xogos
baseados en deseños de American McGee como Alice:
Madness Returns ou Akaneiro: Demon Hunters),
pretende superar o reto a través dun proxecto de
Kickstarter no que queren xuntar 950.000 dólares en 42 días, o que parece bastante
posible, pois xa superaron os 100.000 dólares e 2.000 mecenas no seu inicio. O
xogo estará en terceira persoa, terá elementos de rol e exploración xunto con
combates baseados en q quendas e desenvolverase con tecnoloxía Unity3D (o que
facilitará que saia para PC, Mac, Linux e tablets).
Vídeo de presentación do proxecto de Kickstarter