A tecnoloxía de Microsoft nos coches Ford permitirá o control dos móbiles e os reprodutores dixitais a través da voz
martes, 9 de xaneiro do 2007
Microsoft, segundo deu a coñecer estes días na
feira CES de Las Vegas a través do seu máximo representante, Bill Gates, está
moi interesada en saír dos computadores e meterse ata no máis recóndito da
tecnoloxía do fogar e da oficina. É dicir: se por eles fose, todo estaría
interconectado e falando a mesma lingua, o reprodutor de MP3 e o computador, o
móbil e a cámara dixital, a torradora e o ferro de pasar. Dentro de toda esta
listaxe de aparellos correndo coas diferentes versións de Windows e
semellantes, Microsoft vén de incluír un elemento máis ó que se cadra tiñamos
nun aquel de esquecemento: o coche.
Nesta liña, a compañía vén de asinar un acordo con Ford para desenvolver Sync,
unha ferramenta tecnolóxica que, por así dicilo, poida engadir as pezas de intelixencia
que nos faltan ós condutores (coma un copiloto dixital, pero que non se pon
prosma co estrito seguimento das normas de tráficos porque non está sacando o
carné nin berra cando se nos cala o coche nun semáforo en verde).
O caso é que se trata dun sistema baseado na plataforma Microsoft Auto que, por
medio do emprego da voz, permitiranos ter controlados tódolos diferentes
elementos vinculados ás novas tecnoloxías da información que albergue o
automóbil. Por exemplo (segundo sinala a multinacional): poderemos marcar
telefonicamente con mans ceibes, sincronizar a listaxe de enderezos ou ler no
sistema de audio do coche as mensaxes de texto recibidas.
Asemade, poderemos controlar os reprodutores dixitais empregando comandos de
voz ou controis situados no volante.
Ademais, o sistema é actualizable, “polo
que Sync pode afacerse ós novos aparellos que se introduzan no mercado cunha
sinxela actualización”, apunta a compañía. A ferramenta, que constituíu un
dos capítulos do discurso de apertura de Bill Gates que máis chamou a atención
dos presentes, estará dispoñible na primavera de 2007 nunha ducia de modelos da
casa 2008 da casa Ford, incluídos o Focus e os Sedán 500.
