A aplicación XuntaEu acumula preto de 160.000 descargas

luns, 9 de marzo do 2026 Redacción

A Xunta actualizou a aplicación XuntaEu incorporando a posibilidade de presentar queixas e suxestións directamente desde o teléfono móbil, ademais de integrar un novo carné (o de pesca fluvial) co que xa son 18 os documentos dixitais dispoñibles na aplicación móbil. A ferramenta acumula preto de 160.000 descargas e consolídase como unha canle áxil e segura para a relación da cidadanía coa Administración autonómica.
A Administración galega puxo en marcha esta aplicación co obxectivo de facilitar e simplificar o acceso da cidadanía aos servizos dixitais. Desde a súa publicación, XuntaEu foi incorporando progresivamente novas funcionalidades e melloras que amplían as súas prestacións.
A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos iOS e Android e permite acceder de maneira segura aos servizos dixitais da Xunta mediante Chave365, o DNI electrónico ou un certificado dixital.
A través de XuntaEu, os usuarios poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións remitidas pola Administración autonómica a través do sistema Notifica.gal. Ademais, poden consultar a información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder á sede electrónica para continuar coa súa tramitación.
Tamén é posible revisar as citas programadas coa Administración, acceder ou dar de alta apoderamentos no Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia, xestionar a baixa no sistema Chave365, modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá ou recibir avisos personalizados.
Outra das funcionalidades destacadas é a posibilidade de comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de forma manual como mediante o uso da cámara do dispositivo para escanear o código QR.
No apartado de documentos dixitais, XuntaEu integra na actualidade 18 tarxetas e carnés emitidos pola Xunta de Galicia que poden ser validados por terceiros directamente desde o dispositivo móbil mediante un código QR. Entre eles inclúense diferentes licenzas e acreditacións oficiais, ás que agora se engade o carné de pesca fluvial.
Ademais, a aplicación ofrece acceso aos certificados dispoñibles da persoa usuaria, como o certificado de habilitacións profesionais ou distintas licenzas de pesca marítima de recreo.