A Xunta lanza un cento de imaxes GIF e adhesivos para divulgar o Xacobeo

mércores, 7 de xullo do 2021 S. P.

O Goberno galego lanzou este 7 de xullo unha manchea de material gráfico para divulgar o Xacobeo a través das novas ferramentas e as redes sociais. Trátase dun cento de imaxes en formato GIF e adhesivos (stickers) cos que os peregrinos poderán compartir as súas experiencias “cunha linguaxe desenfadada e divertida”, sinalou na presentación desta iniciativa o vicepresidente primeira da xunta, Alfonso Rueda, poñendo o foco no importante papel que vai desempeñar a Cunchiña, a mascota do Xacobeo nas redes sociais que se ofrece con 32 feituras correspondentes con outros tantos estados de ánimo.
Trátase dunha serie de imaxes dixitais coas que os peregrinos poderán describir as súas experiencias no Camiño ou nos albergues, compartir as súas vivencias e narrar a súas aventuras botando man destes recursos que xa están subidos a WhatsApp, Facebook, Instagram ou Telegram.
O vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que, con estas ferramentas, énchese un oco necesario “porque queremos que a xente que veña a Galicia o conte, e queremos axudarlles a contalo”. Deste xeito “cubrimos un oco que criamos necesario encher”, subliñou Alfonso Rueda.
Ademais de nos buscadores, os camiñantes poderán obter estes recursos na web do Camiño de Santiago.

PUBLICIDADE