A Tecnópole de Ourense acolle en outubro unha nova xeira de Betabeers

luns, 6 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Imaxe da primeira edición de Betabeers na Coruña

Os encontros Betabeers, xuntanzas tecnolóxicas informais e distendidas que se están a desenvolver en diferentes puntos da nosa xeografía, chegan o día 26 do mes de outubro á Tecnópole de Ourense, logo de ter pasado pola Coruña, Santiago e Vigo, facendo gala dun novo xeito (máis 2.0) de reflexionar arredor de servizos web ou aplicacións móbiles de última xeración. Máis polo miúdo e segundo nos recordan dende a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), Betabeers ten por obxectivo relacionar a persoas do sector a través do coworking e amosar as últimas tecnoloxías ou innovacións en desenvolvemento a través de obradoiros de breve duración.
Estas actividades xuntan baixo un mesmo teito a profesionais que están a desenvolver o seu labor en proxectos innovadores galegos de gran potencial de medre, colaboración e espallamento. Búscase cubrir catro áreas principais de interese: encontro de desenvolvedores web e apps, charlas de desenvolvemento, presentacións de startups e networking. As reunións son de balde, en horario de tarde e dando acubillo a arredor de 35 persoas. “Nelas lévase a cabo a presentación de proxectos para demostrar que non só en Silicon Valley se poden xerar negocios interesantes”, infórmase.

PUBLICIDADE