A PS5 podería mellorar a súa dispoñibilidade en tendas en breve

mércores, 4 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos días confirmouse que, pese á falta de existencias nas tendas, a PlayStation 5 conseguiu superar os 10 millóns de unidades vendidas, e agora coñecemos algúns detalles máis ao respecto, que semellan moi boas novas para Sony, xa que a compañía nipoa xa non perdería cartos con cada PS5 con unidade de disco vendida como normalmente facía nos primeiros meses de vida de cada consola (buscando compensar as perdas coa venda de xogos, accesorios e servizos de subscrición). A PS5 sen unidade de disco tardará un chisco máis en poder venderse a menos do seu custo de produción, xa que o seu prezo é moito máis agresivo (os 100 euros de diferenza de prezo entre consolas claramente non se corresponde ao prezo dun lector de discos Blu-ray).
No caso da PS4 falábase de que a venda a perdas durou preto de medio ano, pero coa PlayStation 3 perderon cartos uns 29 meses, polo que a nova máquina estaría máis na senda do éxito da PS4 que da lenta progresión da PS3 (que en moitos mercados tivo serios problemas para competir coa Xbox 360).
Pero o máis interesante das últimas manifestacións por parte de Sony é que están a adoptar medidas para garantir o abastecemento de semicondutores, de xeito que confían poder chegar aos 22 millóns de consolas PlayStation 5 ao peche do presente anos fiscal, o que supón que nos vindeiros meses diríamos adeus ás dificultades para mercar unha PS5.
A intención de Sony sería vender 14,8 millóns de PS5 entre abril de 2021 e marzo de 2022, o que supón un volume de vendas impresionante nos vindeiros meses, que só sería posible se realmente as consolas chegan finalmente ás tendas e non teñen un subministro tan inestable.

PUBLICIDADE