A Fundación OpenStack velará por garantir unha nube en código aberto
martes, 25 de setembro do 2012
A computación na nube
é algo relativamente novo e, polo tanto, aínda estamos a tempo para garantir no
seu seo a máxima interoperabilidade e compatibilidade entre formatos,
linguaxes, códigos e feituras diversas. Ou sexa, que é posible non cometer
erros pasados con respecto a desenvolvementos tecnolóxicos que agora, en
virtude de propostas empresariais excluíntes, achegan máis atrancos de
accesibilidade ca vantaxes. Co fin de garantir o espírito do código aberto na
nube e fornecer de recursos compartidos a desenvolvedores e usuarios púxose en
marcha os días pasados a Fundación
OpenStack, fogar independente do selo do mesmo nome e a día de hoxe dando
acubillo a máis de 5.600 residentes individuais.
Asemade, ten
asegurados máis de 10 millóns de dólares en fondos e está capacitada, segundo
sinalan os seus responsables, de servir “a
desenvolvedores e usuarios achegando ferramentas compartidas que reforzan a
influencia das clouds OpenStack públicas e privadas, capacitando aos provedores
que acudan á plataforma e axudando aos deseñadores a producir o mellor software
da nube do mercado”. Tanto o propio software que abrolla do seu seo como o
feito facérmonos membros da fundación é de balde para todo o
mundo. “Agárdase que os membros da
comunidade participen a través de contribucións técnicas e esforzos para
construíla”, sinálase. Engadir que a
plataforma OpenStack foi fundada en xullo de 2010 por Rackspace e a NASA co
apoio de 25 multinacionais e ducias de desenvolvedores de primeira liña.
Arestora dá acubillo a 180 compañías participantes e 550 desenvolvedores
contribuíntes. Xuntos, teñen acadado seis lanzamentos de software en dous anos.
A creación da fundación responde a un interese por afianzar esta liña de traballo,
mantela viva e crear un ecosistema sostible para o éxito a longo prazo.
Arestora a entidade ten oito membros platino (AT&T, Canonical, HP, IBM,
Nebula, Rackspace, Red Hat e SUSE), e trece membros de ouro (Cisco,
Cloudscaling, Dell, DreamHost, ITRI, Mirantis, Morphlabs, NetApp, Piston Cloud
Computing, Yahoo!, Intel, NEC e Vmware). Asemade, xa apoian á fundación
empresas como Brocade, eNovance, Gale Technologies, GridCentric, Huawei,
Internap, Metacloud, PayPal, RiverMeadow Software, Smartscale Systems,
Transcend Computing e Xemeti.
Segundo informan
estas corporacións, a OpenStack Foundation representa “unha nova era de establecer estándares de código aberto para a
informática na nube, baseada na colaboración de múltiples provedores”.
OpenStack, como
lembraremos, é software open source
para construír clouds. Creado para
impulsar os estándares do sector, rematar co peche da nube e adoptar un contorno
mundial rápido, OpenStack é unha plataforma común e aberta tanto para nubes
públicas como privadas. Recordar ademais que o sistema operativo cloud open source permite aos negocios
xestionar a informática, o almacenamento e os recursos da Rede a través dun
portal de autoservizo e aplicacións en hardware estándar a gran escala.
