A Epic Games Store regala 6 xogos de Batman

xoves, 19 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Ao igual que esta semana Rockstar Games decidiu ofrecer de balde o xogo Grand Theft Auto: San Andreas a quen instalarse o seu lanzador de xogos, dende a Epic Games Store tamén están xenerosos, e ofrecen un dos maiores incentivos até o momento para instalar a súa tenda de aplicacións: 6 xogos de Batman de balde.
Para celebrar o 80º aniversario de Batman até o 26 de setembro será posible incorporar á nosa colección de xogos na Epic Games Store un par de triloxías protagonizadas polo cruzado da capa: a triloxía de LEGO Batman (composta por LEGO Batman, LEGO Batman 2: DC Super Heroes e LEGO Batman 3: Más allá de Gotham) e a colección de xogos de Batman Arkham desenvolvida por Rocksteady (composta por Batman: Arkham Asylum, Batman: Arkham City e Batman: Arkham Knight).
Falamos de media ducia de xogos realmente importantes, que conseguiron grandes vendas no seu día, e que seguen a ser moi divertidos a día de hoxe, polo que esta oferta pode ser unha boa desculpa para darlles unha nova oportunidade de protagonizar o noso lecer electrónico.

PUBLICIDADE