A ETSE lánzase á galeguización colectiva de ferramentas informáticas de software libre

martes, 21 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC está a organizar un programa colaborativo de localización á nosa lingua de aplicacións informáticas de software libre. Para ir traballando nesta liña e amosando o amplo potencial da comunidade galega de usuarios e deseñadores de código aberto, asumirase a galeguización do contorno de desenvolvemento e programación NetBeans, tarefa inserida dentro do primeiro ETSE Open de SL. Sinalar que NetBeans conta hoxe cunhas 20.000 cadeas para traducir, que posibilitan dar forma e contido a outras ferramentas, sendo neste senso unha das máis empregadas dentro da comunidade de informáticos internacional.
Segundo informa a Universidade de Santiago, a versión localizada, a primeira desta índole traducida á nosa lingua, terá “efecto multiplicador”. Dito doutro xeito: sentará os alicerces para que os usuarios e deseñadores galegos de software libre tiren do fío da galeguización universal, ao xerarse por defecto todo o que se programe con NetBeans no noso idioma.
Para todas e todos aqueles interesados en participar no ETSE Open, dicirlles que o prazo de matrícula remata o 28 de abril.
Segundo engade a USC co obxectivo de concretar ao máximo a finalidade desta iniciativa, sinalar que esta é basicamente a de impulsar a formación dunha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de emprego docente, mais tamén participar noutros eventos de localización da USC.
A iniciativa conta con dúas actividades interrelacionadas, unha primeira formativa sobre as bases técnicas e prácticas para abordar proxectos de tradución e unha segunda acción práctica en que se levará a cabo a tradución ao galego dunha escolma de aplicacións libres feita pola ETSE de entre as utilizadas na docencia.
Programa:
* Obradoiro formativo de localización: xoves 30 de abril e 7 de maio, de 11-14 h
* Obradoiro de localización: sábado 9 de maio, de 10 a 19 h
Lugar: ambos na sede da ETSE, Aula I6, xunto ao Departamento de Electrónica e Computación do Monte da Condesa.

PUBLICIDADE