A Coruña será unha das sedes da VR League 2025

venres, 16 de maio do 2025 Redacción

A cidade da Coruña prepárase para recibir a VR League 2025, unha competición de eSports en realidade virtual organizada por Zero Latency. Trátase dunha proposta na que habilidade, puntería e coordinación serán decisivas para alzarse coa vitoria.
A cita terá lugar o 1 de xuño nas instalacións de Zero Latency A Coruña, situadas no Human Intelligence Hub (Hi Coruña), o primeiro centro de realidade virtual de inmersión libre de Galicia. Inaugurado en setembro de 2024, conta cun espazo de máis de 500 metros cadrados no que os xogadores poden desprazarse libremente, sen cables nin mochilas. Alí celébranse tanto sesións de xogo cooperativo como eventos privados, actividades de empresa ou aniversarios.
Nesta ocasión, seis equipos participarán nun torneo baseado en Sol Raiders, un videoxogo multixogador deseñado especificamente para esta plataforma. Os enfrontamentos desenvolveranse en tres escenarios virtuais, con partidas rápidas e intensas nas que cada equipo deberá competir por puntos e cumprir obxectivos para superar aos seus rivais. O equipo vencedor representará a Galicia na final europea, prevista para o 23 de xuño en Madrid.
Os interesados en participar deben formar un equipo e inscribirse antes do 20 de maio mediante o formulario dispoñible en liña. Cada grupo terá que contar con tres xogadores titulares e poderá incluír ata dous suplentes. A inscrición dá dereito a camisetas personalizadas e a varias sesións de adestramento previas á final local.
O premio para o equipo gañador inclúe unha viaxe completamente financiada para catro persoas, coa inscrición na Liga Europea de Zero Latency, así como os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención necesarios para asistir ao torneo.
Lembremos que as instalacións de Zero Latency A Coruña permiten actualmente reservar sesións de xogo de realidade virtual para Threat: Lethal Extra, Threat: Lethal, Space Marine VR, Outbreak, Far Cry VR, Undead Arena, Engineerium, Singularity e o mencionado Sol Raiders.