Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza relatorios de balde dirixidos a favorecer o coñecemento aberto

venres, 23 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A organización Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza a partir deste 24 de marzo en diferentes puntos da nosa terra unha rolda de conferencias sobre Coñecemento aberto e Desenvolvemento. Trátase da primeira edición dunha serie de xornadas que se prevé longa (iso agardamos, porque semella moi interesante) e que este ano, como se pode deducir do título, vai estar dedicada a afondar nos efectos que as patentes teñen sobre o desenvolvemento humano, “amosándose exemplos prácticos pertencentes ás empresas farmacéuticas e ás deseñadoras de software informático”, segundo apunta a plataforma nun comunicado. Ademais, as xornadas incluídas (tres) servirán para achegar alternativas ós modelos impostos polas grandes corporacións e polos gobernos, modelos alternativos económica e socialmente máis xustos.
O sábado 24 de marzo ás 16.00 horas celebrarase a primeira sesión, na Escola Politécnica Superior de Lugo. O domingo desenvolverase a segunda na Escola de Enxeñería de Santiago de Compostela (campus sur) e o venres 27 de abril terá lugar na Cova dos ratos da rúa Romil de Vigo a terceira e última das sesións previstas a curto prazo.
As xornadas que organiza Enxeñería Sen Fronteiras chegan moi probablemente no intre máis oportuno, agora que (de xeito inevitable, aínda que é certo que chega tarde a Galiza, como tantas outras cousas) estamos cada vez máis integrados na Sociedade da Información, a que substitúe dalgún xeito á era industrial. A xuízo da plataforma organizadora, non podemos deixar que se corra o risco de que esa información xogue a favor dunha estrutura social ateigada de inxustizas, favorecéndoas e mesmo perpetuándoas. Para Enxeñería Sen Fronteiras, “son precisos novos esquemas de cooperación e de competencia a nivel global que permitan unha transferencia de coñecemento efectiva entre países, empresas e persoas”. Así, engade, deben desenvolverse novos esquemas de lexislación de patentes e copyright.
Os relatorios serán de balde. Para máis información, cómpre dirixírmonos a Andrés Maneiro (andresmaneiro@isf.es) ou ben a Francisco Puga (francisco.puga@isf.es).

PUBLICIDADE