O OpenOffice 3.0 xa é oficial

martes, 14 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Esta semana facíase oficial a versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice (que xa se podía descargar dende o pasado venres) pero esta estrea está a ser moi accidentada, e a páxina web da aplicación tivo moitos problemas dende o pasado luns, e durante o martes non parece terse recuperado, amosando unha versión reducida con atallos para descargar a nova versión do programa para distintos sistemas operativos que polo momento non está dispoñible nin en español nin en galego.
O OpenOffice inclúe melloras como a incorporación de filtros para traballar con documentos das últimas versión do Microsoft Office e, no caso de usuarios de Mac OS X, se trataría da primeira entrega nativa para o sistema operativo de Apple (pois as versións anteriores funcionaban baixo X11, o que achegaba unha experiencia de usuario lamentable).
Agardemos que en breve se solucionen os problemas da páxina web do proxecto que subministra ferramentas de proceso de textos, folla de cálculo, presentacións multimedia, creación de gráficos e xestión de base de datos sen custo para o usuario e coas vantaxes que supón un desenvolvemento aberto.

PUBLICIDADE