Microsoft confirma o seu compromiso co galego

martes, 8 de abril do 2008 Marcus Fernández

Rosa García, Pérez Touriño e Marisol López presentaron a tradución en galego de Windows Vista e Office 2007

Esta mañá no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela formalizouse a chegada das traducións ao galego do sistema operativo Windows Vista e da última versión do sistema ofimático de Microsoft (Office 2007). Este acto tivo lugar no marco da xornada Novas ferramentas TIC en galego: mellora da produtividade, contando coa participación de representantes dos organizadores do evento (FSC, INEO e Microsoft Ibérica) así como doutras empresas colaboradoras (Dell, HP e Investrónica). A Administración galega estivo presente a través do presidente, Emilio Pérez Touriño, e da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen manifestou que «as novas tecnoloxías son unha locomotora para a lingua nos diferentes sectores», que permitirán avanzar na normalización do galego e que contribúen a abrir «novas oportunidades para achegármonos a un mundo global desde a nosa singularidade e desde a nosa creatividade».

Intervención de Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño aproveitou a ocasión para facer unha defensa do bilingüismo en Galicia e a súa normalización, para o que a Xunta está a facer moitos esforzos na promoción do galego para que sexa «unha lingua forte, vigorosa e con futuro» que permita que «que todos os cidadáns poidan ter a posibilidade de vivir en galego e que ningún cidadán vexa minguado o exercicio dos seus dereitos lingüísticos».

Microsoft permite descargar os paquetes de interface en galego dos seus produtos máis populares

Pero as empresas participantes na presentación tamén demostraron un alto compromiso co galego, e os fabricantes Dell, HP e Inves se comprometeron a distribuír equipos cos produtos de Microsoft traducidos ao galego preinstalados, o que fai máis doada a integración das tecnoloxías na nosa fala. Aínda que estes esforzos se fixeron notar especialmente na persoa da presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa García, quen comezou a súa intervención falando en galego.

Intervención de Rosa García, presidenta de Microsoft

García destacou que co Windows Vista e o Office 2007 en galego Microsoft se reafirma no seu compromiso coa lingua galega, que iniciara coa tradución do Windows XP. Os usuarios que estean interesados na galeguización do seu sistema informático xa poden descargar de balde os paquetes de tradución dende a web da campaña Faille un clic ao galego, que achega os paquetes de inteface en galego para Windows XP, Office 2003, Windows Vista e Office 2007.
A campaña promocional durará ata o Día das Letras Galegas.

PUBLICIDADE