A PS3 permitirá copiar películas en Blu-ray á PSP

venres, 11 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A interacción entre a PS3 e a PSP dará un paso adiante de xeito que Sony demostrou unha nova posibilidade que terán as películas en Blu-ray, que se poderán pasar de xeito doado á consola portátil da compañía nipona. Esta posibilidade precisará que as películas incorporen no seu disco unha copia de aproximadamente 1 Gb de tamaño (optimizada para a resolución de pantalla da PSP) que se pode copiar a través de USB á tarxeta Memory Stick Duo da PSP nun proceso que leva entre 3 e 5 minutos, aínda que hai que matizar que a versión reducida das películas empregará protección DRM (como tamén acontece coas descargas a través da PLAYSTATION Store).
Agárdase que esta nova prestación comece a aplicarse durante 2008, e parece que se aplicará a tódalas películas deste formato, o que resulta especialmente interesante, posto que é un valor engadido que non suporá un incremento do prezo do produto e podería dar un certo pulo ó Blu-ray en contraposición ó pouco éxito comercial dos discos UMD para a PSP.

PUBLICIDADE