A Semana da Ciencia inclúe este ano 101 actividades a celebrar en toda Galiza

martes, 31 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Xa hai programa oficial para a Semana da Ciencia 2006, que coordina en Galiza a Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de I+D e que este ano xira en parte arredor dos achados relacionados co cerebro. Foi precisamente este departamento o encargado de presentalo este luns 30 en Santiago. Alí puidemos saber que nesta celebración –que se organiza a nivel europeo– participarán até 19 entidades galegas, entre museos, universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, asociacións e fundacións.
Ademais, serán un total de 101 actividades de índole moi variada, e que irán das exposicións ás visitas guiadas, sen deixar de lado actividades lúdico-formativas como ciclos de cine, teatro ou cafés científicos, tratando os organizadores en todo momento de quitarlle ferro á investigación científica e amosando a súa importancia para o benestar da sociedade. Ademais, gran parte das actividades están deseñadas para captar un público novo, xa que deles e das súas vocacións depende –a fin de contas– o futuro da ciencia en Galiza e mesmo o desenvolvemento desta. Cómpre sinalar que a Dirección Xeral de I+D contará co apoio da Fundación Española e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Educación e Ciencia.
O programa de actividades desenvolverase en toda Galiza nos meses de novembro e decembro, sobre todo do 6 ó 19, contando Innovación cun orzamento de 737.454 euros. Respecto ós temas que se tratarán, son tan variados como se poida imaxinar: astronomía, arqueoloxía, física, química, comunicación, medicina, dereito, matemáticas, etc.
Unha das actividades que quixo salientar a Dirección Xeral de I+D, pola súa ambición e os seus intereses, é O mundo na túa cabeza, que organizará o Museo de Historia Natural Luís Iglesias por encargo da consellería. Esta parte do programa, que como o seu propio nome indica xirará arredor do cerebro e o sistema nervioso (o tema principal desta edición da Semana da Ciencia, xa que se conmemora o centenario da concesión do Premio Nobel ó neurocientífico Santiago Ramón y Cajal), desenvolverase en nove vilas galegas e en clave de exposicións, relatorios, cafés científicos, teatro e obradoiros variados.

PUBLICIDADE