A AEIG cualifica de “deficiente” a formación en informática no ensino secundario e pide solucións

mércores, 18 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Enxeñeiros de Informática vén de amosar publicamente a súa preocupación polo que considera uhna “formación deficiente” da mocidade galega en materia de tecnoloxías do coñecemento, un problema polo que levan anos pedindo solucións, sobre todo debido á falta de competitividade que achega cando os rapaces e rapaces concorren no mercado laboral. Ademais, incide o colectivo, supón unha lacra para o desenvolvemento tecnolóxico de Galiza. A razón principal desta carencia é, opina a entidade galega de enxeñeiros de informática, máis ca evidente: a día de hoxe, non existen en ningún dos cursos do ensino obrigatorio unha materia de informática que achegue ós alumnos as destrezas básicas no dominio dos ordenadores.
Asemade, a AIEG opina que é inadmisible a escasa estima que se lle empresta a esta materia, algo que (afirman) resulta doado de comprobar no feito de que a informática estase a relegar na ESO a un único curso, e como optativa, “sendo salientable que na actualidade son España e Italia os únicos países da Unión Europea que non inclúen esta sinatura como obrigatoria”.
Emporiso, a asociación pide que se deixe de impartir como complemento noutro tipo de contidos, o que impide sexa ensinada por profesorado especializado e que reciba a atención e a importancia que merece. Para o colectivo, se Galiza quere de verdade superar o atraso tecnolóxico, é preciso potenciar a formación da informática na ESO, implantar no bacharelato a materia Tecnoloxías da Información e a Comunicación (proposta na LOE) como obrigatoria na modalidade Ciencias e Tecnoloxías e asegurar que estes contidos sexan achegados por persoal axeitadamente formado.

PUBLICIDADE