µTorrent chega a Mac OS X nunha versión de proba

xoves, 27 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A aplicación de descarga de ficheiros a través da rede P2P BitTorrent para Windows é sen dúbida µTorrent (adoptada como programa oficial desta plataforma de intercambio de arquivos) por atopar un equilibrio entre a pouca carga para o equipo no que se executa e un bo rendemento, pero os usuarios de Mac OS X tiñan que optar por aplicacións coma Azureus (que daba non poucos problemas en equipos un tanto vellos) ou Transmission para realizar as súas descargas, pero agora poden gozar da mesma aplicación que o resto de usuarios xa que vén de publicarse a versión de proba de µTorrent para Mac, que polo momento só funciona en equipos con procesador Intel que traballen baixo a versión 10.5 do sistema operativo de Apple (Leopard).
Polo momento a aplicación comparte coa versión de Windows o seu pouco uso de memoria RAM durante a súa execución (o que agradecerán os usuarios) e aínda non ten implementado o sistema de descargas baseado en RSS. Parece que mentres esta aplicación non madure o Transmission seguirá a ser o cliente BitTorrent máis popular para Mac, pero, de seguir prosperando o µTorrent, podería ter o días contados.

PUBLICIDADE