eComm&Beers estréase en Galicia

mércores, 17 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Mañá ás 19:00 horas a Sala de Prensa de AFundación na cidade da Coruña vai desenvolverse o primeiro eComm&Beers de Galicia, un encontro para profesionais do sector do comercio electrónico que pretende abrir o debate sobre como facer medrar e incrementar a rendibilidade dun proxecto de comercio electrónico. Para iso presentaranse un par de proxectos, aos que seguirán unha mesa redonda e unha sesión networking.

Kollectbox é un dos proxectos acelerados na Coruña por Zarpamos

Os relatorios que abren o evento comezarán polo proxecto novo KollectBox (acelerado na coruñesa Zarpamos), presentado por Jorge Oliveira, ao que seguirá Omar Medina dando conta da tenda en liña Fuikaomar, especializada en material deportivo, que tras nacer como establecemento tradicional en 2007 deu o salto á Rede en 2009.
A estes dous relatores unirase ás 19:45 horas Diego González (STD-Multiopción) para participar nunha mesa redonda na que darán conta de como abordaron o reto de facer medrar as súas tendas en liña, repasando as mellores prácticas e apuntando os erros a evitar.
Ás 20:15 horas iniciarase na cafetería de AFundación a sesión de networking na que os asistentes poderán conversar cunha caña cortesía de Estrella Galicia, entidade colaboradora do evento.
Os interesados en asistir deberán inscribirse en liña para reservar a súa praza.

PUBLICIDADE