Zuckerberg anuncia en Barcelona os primeiros proxectos da iniciativa solidaria Internet.org

luns, 24 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Esta tarde Mark Zuckerberg fixo acto de presenza no Mobile World Congress de Barcelona, nunha charla na que pretendía dar a coñecer os avances da iniciativa Internet.org que botou a andar o pasado verán xunto con varios xigantes do sector tecnolóxico, e que busca mellorar a penetración da Internet a nivel mundial para contribuír á mellora das condicións sociais e económicas dos países en vías de desenvolvemento.
Entre os proxectos desta iniciativa anunciouse hoxe SocialEDU, unha experiencia piloto para estudantes de Ruanda, aos que facilitaráselles conectividade de balde e contido educativa a través de smartphones de baixo custo de Nokia; da colaboración con Ericsson tamén sae o Internet.org Innovation Lab, laboratorio na sede de Facebook en Menlo Park que busca recrear as condicións para probar e optimizar as aplicacións para mercados emerxentes; e tamén está a traballarse con Unilever para analizar os atrancos que atopa o acceso á Internet para chegar ao rural da India.
Pero Zuckerberg non foi quen de limitar a súa intervención ao seu proxecto solidario, e non puido evitar preguntas relativas á compra de WhatsApp, sostendo que a plataforma de mensaxería instantánea manterase igual que ata o momento (sen mudar nin o seu modelo de negocio nin a súa política de privacidade), chegando incluso a asegurar que a enorme cantidade económica pagada pola compañía non só non foi esaxerada, senón que hoxe WhatsApp xa valería máis que antes da operación. Tamén preguntáronlle se van volver a intentar mercar Snapchat (pola que poxaron hai pouco tanto Facebook como Google), o que respondeu cunha rotunda negativa, para matizar que “tras mercar unha empresa por 16.000 millóns de dólares” probablemente teñen dabondo por unha boa tempada.

PUBLICIDADE