Internet.org une a varias empresas tecnolóxicas na procura dun mundo conectado

mércores, 21 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Unindo forzas con Ericsson, MediaTek, Opera, Samsung, Nokia e Qualcomm, Facebook quere por a Internet a todas as persoas do planeta a través do proxecto Internet.org, que busca facer realidade o soño dun mundo conectado no que ninguén teñan que elixir entre a comida ou a medicina e o acceso á Internet (polo seu custo), as transmisións de datos sexan eficaces (polo que investirán en software e ferramentas que melloren a capacidade de compresión de datos) e existan modelos de negocio que a través da innovación permitan que a poboación poida conectarse á Internet.
Dende Facebook aseguran que actualmente hai 2.700 millóns de persoas con acceso á Rede (das que máis de 1.150 millóns utilizan Facebook) e consideran necesario esforzarse polo que os preto de 5.000 millóns de habitantes que non poden conectarse á Internet poidan gozar do que consideran que podería ser un dereito humano (pois contribúe ao progreso da humanidade no seu conxunto). Aseguran que aínda que é moi probable que na vindeira década o espallamento dos smartphones faciliten a conexión da poboación mundial, conectar estes dispositivos á Rede continúa a ser moi caro, polo que é preciso contribuír a facer o acceso á Internet nun servizo accesible a calquera para que o feito de que dous terzos do mundo careza de acceso á Rede sexa cousa do pasado.

PUBLICIDADE