Zoco retransmitirá a final do seu concurso gastronómico en Internet

mércores, 11 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A gastronomía ten en Internet un importante aliado. Para comezar, é unha canle inmemorable de comunicación e de encontro para as persoas ás que lles gusta comer o mellor posible. O que non sabíamos é que pode ser a xanela máis idónea para amosar ó mundo a cociña de todo un país e (amais) en tempo real. Polo menos, así o entende Zoco, que retransmitirá por Internet a final da sexta edición do seu Concurso de Xoves Cociñeiros, incluíndo conexións coas escolas dos dez finalistas grazas a un equipo de cámaras web. Estes dez novos cociñeiros serán seleccionados por un xurado no que por certo, albiscamos presenza galega, concretamente a de Toñi Vicente. A proba decisiva do concurso, que se vai organizar o 17 de abril, xirará arredor dun eixo ben concreto: o que achega o Hotel Porta de América de Madrid.
Nel, celebraranse algunhas das actividades principais deste peche de concurso, que se retransmitirán en formato Video Streaming e codificado en Windows Media a 280 Kbps. Tal e como dixemos, tamén se levarán a cabo conexións coas dez escolas dos finalistas, sendo a solución elixida unha mestura de Skype e a webcam Microsoft LifeCam NX-6000, deseñada para portátiles e que inclúe vídeo de Alta Definición de 2.0 megapíxeles e fotos fixas de 7,6 megapíxeles interpolados.
Polo que respecta ós finalistas, proceden de escolas espalladas por todo o territorio español: A Coruña, Vizcaya, Valencia, Burgos, Sevilla, Málaga, Palma de Mallorca, Guipúzcoa, Barcelona e Madrid.

PUBLICIDADE