Zaragoza ten a primeira rúa do mundo dedicada a Super Mario Bros

luns, 8 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O pasado sábado o barrio da urbanización Arcosur de Zaragoza, a proposta da Asociación de Veciños Arqueros, puxo o nome de Super Mario Bros a unha das súas avenidas. Inicialmente realizouse unha votación popular para decidir o nome da vía, e curiosamente foi un videoxogo (co 80% dos votos) o que gañou a monumentos españois e outras propostas, non atopándose con atrancos por parte do Concello para fixar este orixinal nome a unha avenida que a pasada fin de semana viviu toda unha festa na que asistiu o propio fontaneiro de Nintendo para destapar a placa que leva o nome dun dos seus videoxogos máis coñecidos.
Ao evento de inauguración acudiu Manuel Curdi en representación de Nintendo, compañía que patrocinou a celebración que coincide co 25º aniversario de Mario, e tamén aproveitouse a ocasión para presentar unha estatua desta icónica figura elaborada polo escultor Jesús Gazol, na que o personaxe de Shigeru Miyamoto vai vestido de baturro (de aí que o chamen Super Maño). Coma curiosidade, Nintendo premiou ao veciño que gardaba máis parecido con Mario, estando entre os agasallos dos concursos celebrados unha Wii e unha Nintendo DSi conmemorativas do cuarto de século de Super Mario Bros.
Neste novo barrio que acollerá 21.148 vivendas esta nova avenida non será a única que levará un nome nesta liña, senón que en total serán 12 as rúas que respondan a nomes de videoxogos, coma «exemplo de que os videoxogos son a cultura do século XXI», segundo comentou o conselleiro municipal de Cultura de Zaragoza, Jerónimo Blasco, presente na inauguración da avenida Super Mario Bros. Entre as devanditas rúas están Calle de la Edad de los Imperios, Sonic El Erizo, Fantasía Final, Invasores del Espacio, Príncipe de Persia, Tetris, La Leyenda de Zelda, Arkanoid, Gran Turismo ou Samus Aran, aínda que non faltan nomes de rúas máis clásicos coma Torre de Hércules (na honra do monumento coruñés).


Vídeo que recolle distintos momentos da inauguración da avenida Super Mario Bros

Nintendo repartiu distintos premios durante a especial xornada
A estatua de Jesús Gazol amosa a un auténtico Super Maño
A inauguración da avenida Super Mario Bros foi toda unha festa

PUBLICIDADE