YouTube estrea aplicación independente para iPhone e iPod Touch

martes, 11 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Mañá terá lugar a agardada presentación de Apple na que vería a luz o novo iPhone, móbil que funcionaría con iOS 6, e entre as novidades deste sistema operativo móbil destaca certa ruptura entre Apple e Google, de xeito que o móbil da compañía da mazá prescindirá tanto de Google Maps como da aplicación oficial de YouTube, e en consecuencia, Google vén de presentar unha nova aplicación de YouTube para iPhone e iPod Touch que está dispoñible de xeito independente dende a App Store, o que nun principio pode diminuír a súa base instalada (pois non vai a integrarse de xeito predeterminado nos dispositivos de Apple) pero pola contra poderá actualizarse con maior frecuencia, pois estaría baixo o control dos desenvolvedores de Google.
A nova aplicación resulta máis atractiva e moderna, cunha nova guía de canles de YouTube, un sistema de busca máis áxil e novos xeitos de compartir os contidos na Rede. Tamén aseguran que xa están a traballar nunha aplicación de YouTube optimizada para iPad.

PUBLICIDADE