YouTube Kids chega a España

mércores, 13 de xullo do 2016 Marcus Fernández

De cara ao verán non serán poucos os pais que agradezan que hoxe se estrease en España a aplicación móbil YouTube Kids, dispoñible para a súa descarga de balde dende Google Play e a App Store, e que ofrece o acceso a unha selección de contidos de YouTube adaptados para o consumo por cativos para a tranquilidade dos seus proxenitores, á vez que simplifica esaxeradamente a súa interface de uso para que calquera cativo poida facerse de xeito doado co seu control.
Os pais poden configurar a aplicación en función da idade dos seus pequenos e activando ou non a opción de realizar buscas, para que así logo poidan deixar aos pícaros fronte a pantalla sabendo que non van atopar contidos non axeitados á súa idade, organizados en categorías moi intuitivas chamadas Programas, Música, Aprender, Explorar, de xeito que os menores poden atopar dende as series de televisión de Pocoyó, Inazuma Eleven e D’Artacán até os vídeos musicais da Familia Telerín, selección audiovisual feita especialmente para o público español, que carecerá de pagamentos dentro da aplicación, aínda que si de publicidade, deixando claro o modelo de negocio de Google con esta aplicación móbil.
YouTube Kids ten un deseño moi sinxelo, con imaxes grandes e iconas rechamantes, de xeito que incluso un neno de 4 anos poida empregala sen axuda e tamén incorpora funcións de control paterno, de xeito que os pais poderán establecer limitacións como un temporizador (para pór un tempo máximo á visualización audiovisual) ou a posibilidade de desactivar as buscas para que os nenos só poidan moverse entre os contidos escolmados por YouTube.
Outra das grandes vantaxes desta aplicación é que é compatible con Google Cast e AirPlay, facendo así doado que os contidos que os pequenos seleccionan dende a tableta ou o móbil poidan verse en pantalla grande.

YouTube Kids achega unha completa escolma de contidos adaptados aos pequenos da casa

PUBLICIDADE