Yoigo trae a España o Motorola RAZR MAXX

martes, 12 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Un dos terminais móbiles mellor recibidos pola crítica especializada nos EE.UU. é o Motorola RAZR MAXX, non polas súa elevadas prestacións técnicas, senón polo feito de que incorpora unha batería de 3.300 mAh que permite falar ata 21,5 horas ou manter a súa carga en espera ata 380 horas, superando en autonomía aos seus principais competidores.
O móbil funciona con Android 2.3.6 (actualizable a Android 4.0), ten un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), unha resistente pantalla Super AMOLED de 4,3 polgadas cunha resolución de 540 x 960 píxeles, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, grava vídeo Full HD, conta con Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, micro USB, HDMI micro, aGPS, compás dixital, un peso de 145 gramos e un grosor de só 8,99 milímetros. Ou sexa, que mantén unhas prestacións moi elevadas (sen chegar ao máximo que ofrece actualmente o mercado) mantendo un prezo bastante axustado e que agora poderemos adquirir en España a través de Yoigo, operador que permite adquirilo por 369 euros para números novos e portabilidades, que no caso de portabilidades de contrato tamén conta coa opción de financiar a súa compra pagando 15 euros durante 18 meses (aos que habería que sumar 89 euros no momento da compra). Unha oferta moi interesante para quen desexe facerse cun móbil potente que non esgote a súa batería antes de rematar a xornada laboral.

PUBLICIDADE