Yoigo presenta o seu Internet para levar de prepago

martes, 21 de abril do 2009 Raquel Noya

Yoigo, o que se coñece como o cuarto operador de telefonía móbil con rede propia no noso país, vén de anunciar que a partir do vindeiro 6 de maio, porá a disposición dos seus clientes a oferta Internet para llevar, unha proposta de acceso móbil a datos de alta velocidade a través de ordenador, para clientes de tarxeta prepago.
Trátase dun servizo que permite navegar por Internet a unha velocidade HSDPA de ata 3,2 Mbps durante os primeiros 100 MB diarios, a un prezo (nada competitivo) de 3 euros por día usado.
En caso de que se superen estes 100 MB, a conexión non se interrompe, senón que os clientes poderán permanecer conectados sen interrupcións con unha velocidade de ata 64 Kbps o tempo que precisen.
Asemade, Yoigo vén de anunciar que os clientes que escollan Internet para Llevar en prepago, poderán chamar a 8 céntimos o minuto a calquera hora e operador dentro do territorio nacional e enviar mensaxes de texto a 8 céntimos. Estas chamadas, mensaxes e acceso a Internet en roaming facturaranse á marxe dos 3 euros diarios por usar Internet.
A tarifa tén un consumo mínimo de 6 euros ao mes (que se gastan en tan só dous días), nos que se computan asemade calquera consumo realizado polos clientes, ben sexa de voz, datos ou SMS.
A tarifa está pensada para aquelas persoas que se conectan esporádicamente a Internet e que non queren suscribirse a un contrato, aínda que para isto é máis recomendable acudir a algún dos moitos Cibercafés que aínda sobreviven no noso país e de paso axudarlles un pouco a seguir facéndolle fronte á crise.

PUBLICIDADE