Yoigo oferta un paquete de Internet+mini-portátil por 399 euros

mércores, 17 de decembro do 2008 Raquel Noya

A operadora de telefonía móbil Yoigo, na súa teima por tentar manterse no mercado español e de facerlle fronte ás ofertas lanzadas por outras compañías no país (coas cales semella que non pode competir), vén de ampliar a súa oferta de acceso móbil a Internet coa presentación dun paquete de aforro formado polo servizo Internet para Levar e o miniportátil HP2133 por un prezo de 399 euros e sen compromiso de permanencia.
Esta oferta estará dispoñible nas tendas exclusivas de Yoigo e, segundo os seus responsables, “supón un aforro de ata 75 euros sobre o que custaría adquirir os mesmos servizos de xeito individual”.
A promoción semella interesante (sobre todo tendo en conta que ofrecen o mesmo modelo de ordenador por un prezo de 499 euros se se adquire sen o servizo de Internet), nembargantes, o que non indican os seus promotores é que se trata do modelo vello do ultraportátil de HP, pois na actualidade xa se está a apostar no mercado polo HP mini 1000, que conta cun procesador Intel Atom e non o VIA (máis limitado e sinxelo).
Algúns distribuidores con tendas de Yoigo ofrecerán a posibilidade de financiar a compra do paquete durante 24 meses; neste caso, a operadora si esixirá unha permanencia de 24 meses ligada ao pago do dispositivo.
O servizo Internet para Levar, o Internet móbil de Yoigo con velocidade HSDPA, achega un contrato post-pago cunha tarifa mensual de 25 euros ata o primeiro Xb de navegación. A partires dese momento, o prezo é de 1,5 céntimos de euro por cada Mb adicional, ata chegar a un gasto máximo de 70 euros ao mes (un detalle pola súa parte evitar que os clientes leven unha sorpresa ao recibir a “dolorosa”, todo hai que dicilo).

PUBLICIDADE