Xuventude Galiza Net pechou con grande afluencia de público

luns, 17 de marzo do 2008 Marcus Fernández

O vicepresidente da Xunta visitando XGN o pasado venres

O encontro Xuventude Galiza Net, organizado pola direccións xeral de Xuventude, pechou o domingo pola tarde as súas portas tras 3 días de actividade e superando os 42.000 visitantes, o que supón unha marca sen precedente, o que indica que o evento no que 1.500 participantes se conectaban en rede e compartían experiencias tamén resulta de interese para moitos outros cidadáns.
Rubén Cela, director xeral de Xuventude, destacou non só o éxito de participación no certame, senón tamén a aposta pola integración de persoas con discapacidade en colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) e a participación de maiores, que aproveitaron o evento para achegarse ás TIC.
Cela tamén presidiu a entrega de premios das distintas categorías das que había competicións entre os participantes:
O gañador do concurso á mellor páxina web foi Miguel Puig García, que recibiu unha tarxeta gráfica 8800 GT, un vale de compra de Alcampo por valor de 30 euros e diverso material informático, todo elo valorado en máis de 300 euros. No xogo por equipos, Counter Strike, o conxunto gañador foi o clan Dinamic Crew. Os seus membros repartíronse 5 ordenadora Core Dous Dúo, 250 GB de disco duro e 2 GB de memoria e pantalla de 17 polgadas e vales de compra en Alcampo por valor de 100 euros, todo elo valorado en máis de 6.000 euros.

Na categoría de gráficos 2D o primeiro premio foi para Martín Martínez Barbudo, a quen lle correspondeu unha tarxeta gráfica 8800 GT, un vale de compra de Alcampo por valor de 30 euros e diverso material informático, todo elo valorado en máis de 300 euros.

Na categoría de videos a gañadora foi Sheila Aldariz Ferreiro, que recibiu unha cámara de vídeo dixital, un vale de compra de 30 euros en Alcampo e diverso material informático, todo valroado en máis de 500 euros. O primeiro premio de Starcraft foi para o clan Los magníficos del pozuelo. Este grupo recibiu como galardón dúas tarxetas gráficas 8800 GT, vale de compra en Alcampo por 60 euros, dúas impresoras fotográficas, dous discos duros multimedia HDI e un cheque en efectivo de 150 euros, todo elo valorado en máis de 2.000 euros.

Tamén se repartiron os premios na categoría de Case-Mod, que tivo como gañador a Daniel González Rizo; de fotografía dixital, que recaeu en David López Paz; de UT3, que foi parar a Ismael Rivera; e de Real Time Battle, que foi recibido por Javier Álvarez Lago.

PUBLICIDADE