Xuventude Galiza Net acollera a unha serie de desconferencias

venres, 20 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Co gallo do encontro Xuventude Galiza Net convocan unha serie de xuntanzas baixo o nome de BarCamp Galiza 2009 que xirarán en torno ao software libre, xogos, programación, Web 2.0 e todo o que o público queira contar no que se auto-define como unha desconferencia (ou non conferencia) pola súa informalidade e diversidade de participantes.
As BarCamps serían charlas de 30 minutos de duración, da que agardan que a metade estean fixadas previamente e o resto nazan da improvisación a través do propio evento. Neste tipo de actos búscase que o conferenciante perda peso a favor do público, que é o que dará a conferencia.
Polo momento os temas confirmados a tratar son o desenvolvemento áxil con Ruby on Rails, o deseño gráfico con software libre, a creación de distribucións a medida baseadas en Ubuntu Linux, a monitorización de aulas con software libre e as alternativas de baixo custo para clientes lixeiros, na súa meirande parte como proposta do Grupo de Usuarios de GNU/Linux da Galiza, asociación organizadora do evento.

PUBLICIDADE